O tempo non sempre cura (segunda parte)

Non sei se foi unha sorpresa ou se foi o que esperaba. Nada cambiaba iso, eu ía voltar a casa para non durmir en toda a noite. Para odiarme por ser tan iluso. Fixérame o mesmo outra vez..

Qué bela noite, que fortes os sentimentos e que poucos os respiros que nos dimos entre bicos, aloumiños e sexo. Sete anos sen o seu calor, agora sei canto frío pasaba! Porén, agora que durme Xurxo ao meu carón, na miña cama,  sinto que non puiden ver o mesmo na súa mirada, o seu xesto antes indiferente tornou agora en compaixón. Teño moito medo de querer querer a quen non quere quererme.

Espertei confuso, e aínda por riba Xurxo non estaba. O primeiro que pensei foi que espertara para almorzar, ben coñecía a miña casa para se servir el soíño. Pero cando descubrín que non estaba. Preferín manter a calma, eran as 10, ben podía ter ido a polo pan ou a tomar o café á vila. Entón dinme conta de que era domingo. O nerviosismo entrou no meu corazón pouco a pouco segundo pasaban as horas. Non lograba distraer o meu pensamento da súa ausencia. 

Dediqueime a convencerme a min mesmo de que me distraía poñendo un libro nas mans ou encendendo a televisión. Pero cada cousa que escoitaba era un recordo, era un bico, un agarimo seu.. Nunha noite voltara ao que necesitara un ano enteiro para superar, a frustración de non saber se de verdade marchou ou só estaba tardando en voltar, se era ou non aquela a derradeira das inesquecibles veces que estivera con el.

Chegadas as sete da tarde comezou o meu pesimismo, as miñas dúbidas, "cómo podes ser tan iluso?" "sabías que el non te quere", me dicía a min mesmo. Igual nunca me quixo.  Non había xa remedio, Xurxo voltara á cidade, non hai máis. Acabou todo nese momento.

Antes de cear e deitarme, decidín ir dar un paseo por onde antes, cando eramos máis xóvenes, apetecíame odialo e odiarme por ser tan inocente. 

Comentarios